COVID-19


PLAN DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID-19















PLAN DE CONTINXENCIA DO CENTRO EDUCATIVO”


O Plan de Continxencia do centro educativo CPR Ntra Sra del Monte Carmelo ten por finalidade establecer os procesos para o reinicio da actividade académica presencial no caso de que se teña interrompido a suspensión da actividade lectiva como consecuencia da aparición dun gromo que supoña o cese da actividade presencial nun aula/etapa educativa/centro.


ACTUACIÓNS PREVIAS DIANTE DA APARICIÓN DUN GROMO


1.Non asistirán ao centro aqueles estudantes, docentes e outros profesionais que teñan síntomas compatibles con Covid-19, así como aqueles que se atopen en illamento por diagnóstico de Covid-19, ou en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de Covid-19.


2.Diante dunha persoa que desenvolva síntomas compatibles con Covid-19 no centro educativo seguirase o protocolo de actuación do centro previamente elaborado:

  • Colocaráselle unha máscara cirúrxica, levaráselle á sala de Covid destinada ao efecto ata a recollida por parte da familia. Esta disporá de adecuada ventilación, xel hidroalcohólico e papeleira con tapa de pedal. Será necesario contactar coa persoa responsable do manexo da Covid-19 no centro educativo e cos familiares ou titores legais.

  • A persoa que acompañe ao caso sospeitoso deberá levar o material de protección adecuado:

  • Máscara cirúrxica, se a persoa con síntomas a leva.

  • De forma excepcional e no caso específico de que o/a alumno/a teña unha exención para o uso da máscara por xustificación médica ou é menor de 6 anos e non usa máscara, a persoa acompañante usará máscara FFP2 sen válvula (KN95), ademais dunha pantalla facial e unha bata desbotable. Na eventualidade de que non houbese dispoñibilidade de máscaras KN95, poderá utilizarse unha máscara cirúrxica xunto coa obrigatoriedade da utilización da pantalla.

  • Se coincidisen no tempo máis dun caso con sintomatoloxía compatible coa Covid-19, os restantes casos agardarán acompañados por algunha persoa traballadora do centro educativo de preferencia nun lugar cuberto exterior ao edificio ou noutro lugar interior coa ventilación adecuada. A persoa que utilice a FFP2 deberá estar formada na utilización dos equipos de protección individual e no seu refugallo.

  • O centro contará cun stock deste material para as situacións nas que se requira para a atención dun caso sospeitoso.


3.Débese chamar ao centro de saúde de Atención Primaria de referencia, ou ao teléfono de referencia do SERGAS e seguiranse as súas instrucións. En caso de presentar síntomas de gravidade ou dificultade respiratoria chamarase ao 061. O/A traballador/a que inicie síntomas debe abandonar o seu posto de traballo protexido por máscara, e logo de seguir as instrucións do centro de saúde ata que a súa situación médica sexa valorada por un profesional sanitario.


4.No suposto da aparición dun caso, no centro educativo tanto sexa do alumnado, profesorado ou persoal do centro, a persoa coordinadora do equipo formado na Covid-19, a petición dos servizos de saúde a través de EduCovid, incluirá na aplicación informática a información prevista do eventual afectado/a relativa aos contactos estreitos, dos compañeiros/as afectados/as e do seu profesorado, así como de quen sexa persoa próxima vencellada ao centro educativo.


5.A familia dun neno ou nena con sospeita de contaxio, deberá solicitar unha consulta telefónica co seu pediatra para que este avalíe a necesidade de solicitude dun test diagnóstico.


6.Tras a aparición dun caso diagnóstico da Covid-19 seguíranse as recomendacións da Xefatura Territorial de Sanidade, sendo posible que no centro teña que estar illada unha parte do centro educativo (aula ou grupo de aulas) mantendo o funcionamento do resto da forma habitual en función do número de contactos identificados en cada gromo.


7.A autoridade sanitaria, en coordinación coa Consellería de Educación, a través do Grupo de Coordinación e Seguimento da Pandemia determinará en cada caso o número de persoal e alumnado afectado e a duración das medidas de corentena o que se comunicará ao equipo Covid do centro para a súa comunicación á comunidade educativa, sen prexuízo da información que sexa facilitada pola autoridade sanitaria.


8.A autoridade sanitaria, en función do número de contaxios, poderá ordenar o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade.


9.A aparición dun contaxio sospeitoso con posterior confirmación é un suposto de declaración obrigatoria que implicará por parte da autoridade sanitaria a obriga de entrada en corentena de polo menos 10 días a todas as persoas que teñan a consideración de contacto estreito.


10.A suspensión da actividade lectiva presencial suporá a aplicación das normas previstas no presente protocolo, na Resolución conxunta, do 2 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se aproba o Plan de Continxencia ante peches de aulas ou centros educativos no contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2020-2021 e na Resolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se ditan instrucións para a elaboración de horarios nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2020-2021 para o desenvolvemento de ensino a distancia en períodos de peche de aulas ou centros como consecuencia da pandemia da Covid-19, relativas ao ensino a distancia. Aos efectos de determinación do nivel de risco a autoridade sanitaria poderá volver a avaliar o pase ao nivel de riscos NR 2 para os supostos de consideración de vulnerabilidade e de cualificación de persoal sensible.

ACTUACIÓNS PARA O PERÍODO DE ACTIVIDADE LECTIVA NON PRESENCIAL

11. Ao tratarse do segundo ciclo de educación infantil, o ensino non presencial será impartido polas mestras titoras e a especialista de inglés do alumnado coa colaboración das familias preferentemente a través dos medios tecnolóxicos dos que dispoñen: correo electrónico, whatsapp, blog, plataforma Symbaloo, vídeo chamadas. O profesorado realizará o seguimento do alumnado impartindo os coñecementos da materia de xeito virtual a través dos contidos achegados polo profesorado. Igualmente o/a profesor/a poderá poñer tarefas ao alumnado que reforcen o contido da materia ou a avaliación continua da mesma.



12.O equipo COVID do centro identificará ao alumnado que teña dificultades de conexión ou falla de equipamento para dar a mellor resposta posible desde criterios de inclusión, equidade e calidade.


13.Para cada caso concreto de suspensión da actividade lectiva presencial a Consellería poderá adoptar as medidas oportunas en relación cos períodos ordinarios de avaliación do alumnado cando coincidan co tempo de suspensión.


14.Durante o período de suspensión da actividade presencial o centro educativo ten previstas as seguintes medidas:


a) O mesmo día do peche a dirección do centro enviará unha comunicación ás familias e publicará unha nova no blog do centro.


b) Pedir colaboración as familias xa que o noso alumnado non ten autonomía para o ensino non presencial e comunicarlles que o alumnado é titular dos mesmos dereitos e deberes neste ensino, e, polo tanto, está obrigado participar nas clases non presenciais con aproveitamento e sometido ás mesmas normas de convivencia independentemente da situación de peche ou confinamento.


c) Facer chegar as familias un horario tipo que as axude a organizarse. Elas deberán confeccionar o seus propios tendo en conta os seus horarios de traballo:


INICIO DA XORNADA

Rutinas:

  • Asearse

  • Vestirse

  • Axudar a preparar o almorzo e almorzar

  • Lavar os dentes

  • Axudar a facer a cama e recoller o cuarto



MAÑÁ

  • Actividade física

  • Traballo de mesa

  • Xogo libre e tempo sen consignas


PREPARACIÓN E XANTAR

  • Colaborar na confección dos menús (diario/semanal)

  • Axudar na cociña: amasar, rebozar, bater ovos…, contar ingredientes, pesalos...

  • Poñer e recoller a mesa

  • Aseo


TARDE

  • Xogo libre e sen consignas

  • Traballo de mesa

  • Preparar a merenda

  • Paseo

  • Ducha: espirse, ducharse, secarse, poñer o pixama.

  • Xogos lingüísticos: adiviñas, trabalinguas, refráns, ler contos, falar da película que acabamos de ver


PREPARACIÓN E CEA

As mesmas propostas que para preparación e xantar.


HORA DE DEITARSE

  • Falar do que máis nos gustou do día

  • Contar as súas confidencias, preocupacións, emocións.

  • Escoitar un conto.


d) O alumnado seguirá traballando na casa nos cadernos que traballamos no cole. Cada día as mestras titoras contactarán coas familias a través do correo electrónico para darlles instrucións e a información pertinente a cerca das tarefas e da maneira que poden axudar aos seus fillos/as. Mediante vídeo ou vídeo chamada presentaráselle a tarefa ao alumnado. Este remitirá as titoras todas actividades que vaian realizando para facerlle o seguimento e poder preparar e enviar, se é necesario, tarefas de reforzo.


e) Manter en contacto ao alumnado pola súa saúde mental e para que se sintan máis motivados.


f) Comunicar as familias a concreción do protocolo para que podan contribuír ao proceso educativo.


g) As titoras atenderán ás familias os martes de 17:00 h. a 18:00 h. podendo trasladar a titoría a outra hora e día se fose necesario. Faranse a través do teléfono ou correo electrónico, e sempre que sexa posible, con cita previa.


h) É moi difícil poñer unha hora para conectarse debido que os alumnos/as de infantil son dependentes das súas familias para facelo e estas dependen dos seus horarios de traballo. Ademais temos alumnado sen internet.

i) Atenderase ao alumnado que deba permanecer en illamento, mesmo cando non se produza o peche ou confinamento da aula ou centro.


MEDIDAS PARA O REINICIO DA ACTIVIDADE LECTIVA PRESENCIAL


19. Finalizado o período de peche presencial da aula, nivel educativo ou centro realizarase unha planificación do retorno a actividade presencial:

  • Retomaremos as clases partindo do traballo realizado ata o momento de forma non presencial, tendo sempre en conta as carencias que puideran xurdir.

  • Realizaremos unha avaliación inicial para saber no punto en que se atopa o alumnado

20. Non se contempla incorporacións parciais do alumnado. A incorporación seguirá as pautas de sanidade e será simultánea para todo o alumnado afectado.



COMUNICACIÓN CONXUNTA DAS CONSELLERÍAS DE SANIDADE E EDUCACIÓN SOBRE A NOVA ESTRATEXIA E CONTROL DO SARS-COV-2 NA ETAPA DE TRANSICIÓN EN GALICIA NO ÁMBITO EDUCATIVO - 01/04/2022 

De acordo coa nova estratexia e control da SARS-CoV-2 na etapa de transición en Galicia:

1- Non se realizarán probas confirmatorias dos test positivos de autodiagnóstico, a excepción de certos grupos vulnerables1 . Polo tanto as persoas cun resultado positivo nun test de autodiagnóstico serán sempre casos sospeitosos da COVID-19.

2.- Do mesmo xeito, aquelas persoas con clínica compatible da COVID-19 tampouco se lle realizarán probas confirmatorias, coa excepción dos anteditos grupos vulnerables1, e estarán tamén considerados casos sospeitosos da COVID-19. 

3.- Os casos confirmados da COVID-19 unicamente serán aqueles que teñan unha proba diagnóstica positiva (PDIA) realizada por un profesional sanitario, logo de valorar o criterio específico polo cal se lle solicita a proba diagnóstica. Os test de autodiagnóstico non son probas diagnósticas que confirmen a enfermidade. 

4.- As recomendacións preventivas para os casos sospeitosos, confirmados e contactos estreitos pódense revisar na seguinte ligazón da páxina WEB da Consellería de Sanidade (que facer se es un caso ou contacto da COVID-19) 

5- A aplicación EDU-COVID deixa de utilizarse, xa que deixan de rexistrarse os casos sospeitosos, confirmados e contactos estreitos de COVID-19 no ámbito educativo. 

6.- Aínda que se modificase a vixilancia e o control do SARS-CoV-2 nesta etapa de transición, seguen a estar en vigor as medidas xerais de prevención da COVID-19 no relativo ao uso axeitado da máscara segundo a normativa vixente, o mantemento da distancia de seguridade, o lavado frecuente de mans e a ventilación axeitada de espazos. 

7.-No seo da Ponencia de Promoción da Saúde na que participan todas as comunidades autónomas e na que se consensúan as “Medidas de prevención, higiene y promoción de la salud frente a covid-19 para centros educativos”; no referente ás actuacións ante síntomas dos nenos/nenas compatibles coa COVID-19 ou doutras enfermidades potencialmente transmisibles, estase a recomendar continuar coa medida que estaba en vigor antes da pandemia, é dicir que os nenos/nenas non acudan ao centro ata que melloren eses síntomas.